2014年5月2日金曜日

Numbers

É a aplicación de folla de cálculo que traía instalada o Mac que comprei en marzo. Abondábame con LibreOffice ou Excel, que tamén instalei, pero xa que estaba aí, decidín probala.

Ao principio, parecíame que non me ía servir para uso diario, porque non tiña macros (en BASIC ou similares). Con LibreOffice usaba macros que eu mesmo escribira para automatizar pequenos quefaceres rutineiros. E facer todas esas cousas á man... Pero pronto deime conta de que iso se podía facer mediante Applescript. Aínda que esta linguaxe de programación non me atrae moito, algo sei dela e, despois de consultar páxinas que tratan dela, producir mensaxes de erro e falar en voz alta comigo mesmo, á fin dei escrito o que necesitaba para traballar.

Así pois, agora utilizo Numbers en vez de LibreOffice. Non cambiou nada, practicamente. Sigo a facer o mesmo traballo cunha aplicación distinta pero que me serve igual. Hai, non obstante, unha cousa que me chama a atención: se pechas un documento modificado (sen antes gardar a modificación), a aplicación péchao sen che preguntar nada; e, cando o reabres, ves que o documento está no estado no que estaba, ou sexa, os cambios que non gardaches gardouchos a aplicación. É un comportamento raro para min, acostumado a outras aplicacións que che preguntan se queres gardar ou non as modificacións que fixeches. Ao principio non entendía o que pasaba.

Aquí hai unha diferenza grande, diría que cultural. Deime conta tamén de que o mesmo fan outras aplicacións que veñen con Mac (Pages, Keynote, TextEdit, Preview...). Ademais, están equipadas de control de versións: podes tornar a estados anteriores do documento. Aínda non sei se isto me axuda ou me sobra, pero non deixa de ser interesante.